«A comunicación visual é esencial no sector turístico, polo que Instagram é unha rede social óptima para chegar ó público obxectivo da comunicación do destino. Ademais, desta maneira e a través das outras redes sociais de Turismo Rías Baixas, é posible establecer unha canle de información e manter unha relación directa coas usuarias e usuarios, mediante mensaxes públicas e privadas que funcionan como un centro de atención ó turista», afirman dende o ente provincial.
Cunha imaxe de apertura das Illas Cíes, na conta @turismoriasbaixas de Instagram divulgaranse, cunha frecuencia inicial de tres a seis publicacións semanais, as imaxes de recursos turísticos do destino, pero tamén haberá información sobre eventos, actividades, carteis e imaxes sobre elementos atractivos ou diferentes que poidan chamar a atención de distintos públicos. Incluirá tamén, gran parte dos contidos relacionados co Museo de Pontevedra e ademais compartirá imaxes doutros usuarios de Instagram, coa finalidade de achegar diferentes perspectivas e puntos de vista sobre un mesmo acontecemento.