Esta nova produción, que revisa a peza que estreou en 1994 Víctor Ullate na Maestranza de Sevilla, incorpora unha nova escenografía e vestiario para dar un maior protagonismo á luz (o fogo fatuo), que está presente en toda a trama. Aquela primeira montaxe modernizouse, hai novidades nas coreografías ideadas por Ullate, que foron retocadas e renovadas nunha montaxe exquisita que redondea moito máis a versión inicial. Desde o punto de vista musical, nesta versión leva a cabo unha aposta rompedora coa inclusión do grupo de dark ambience «In Slaughter Natives», que se suma aos efectos musicais creados por Luís Delgado para a versión orixinal.
«El amor brujo», escrita por Falla a comezos do século XX, ten un marcado carácter andaluz e afonda no misticismo xitano, achegándose ao amor na súa forma máis primitiva e esencial. A obra conta a historia de Candela, unha rapariga xitana cuxo amor por Carmelo se ve atormentado polo espectro do seu antigo amante. Unha historia de amor e paixón, de bágoas e desconsolo, de bruxería e sedución, de morte e de danza. A coreografía ten intres de gran beleza, como Canción do amor doído, Romance do pescador ou Canción do fogo fatuo. Ademais, esta versión inclúe tres cancións populares escritas por Manuel de Falla: Nana, Polo e Asturiana e unha variación de Paco de Lucía para José, o eterno amante.
A compañía de Víctor Ullate
Víctor Ullate foi o bailarín español con maior proxección internacional de todos os tempos e é considerado polo mestre Maurice Béjart como un dos bailaríns máis completos deste século. En 1988 funda a compañía que leva o seu nome e que acaba de cumprir 25 anos de traxectoria. En 2001 incorpórase ao equipo Eduardo Lao como director artístico. Desde o momento da súa creación, o Ballet Víctor Ullate converteuse na primeira compañía privada española de nivel internacional, en canteira de bailaríns estrela e nun emblema da danza en España. Así, ao ser a única compañía española asociada a unha escola e posto que Víctor Ullate é un mestre recoñecido mundialmente, este ballet formou a grandes bailaríns que hoxe ocupan un lugar relevante na danza a nivel internacional.
Entre as súas estrelas convidadas contou coa participación de Marie Claude Pietragalla, Carole Arbó, Joan Boada ou o bailaor flamenco Antonio Márquez. Francisco Nieva ou Vicente Molina Foix escribiron libretos de ballet expresamente para as creacións de Víctor Ullate e tamén traballaron especialmente para a compañía compositores de vangarda coma Luís Delgado, actores coma Francisco Valladares ou cantantes coma Enrique Morente, Estrela Morente e Carmen Linares.