Segundo informou a Xunta este sábado, en total distribuíronse 25.649 tarxetas dende a entrada en servizo do plan ata o 30 de setembro. Cabe destacar que o 50 % dos usuarios xa abonan os seus desprazamentos coa tarxeta TMG.
O emprego deste dispositivo ofrece aos usuarios descontos medios do 50 % nas viaxes metropolitanas e un sistema de billete único que facilita a intermodalidade, xa que na área de Vigo, este Plan inclúe o transporte de ría.
Cabe destacar que nestes 5 meses de funcionamento o 40 % das viaxes subvencionadas realizáronse no transporte de ría que conecta Vigo cos concellos de Cangas e Moaña.
Así mesmo, os usuarios recorrentes, é dicir, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes, teñen unha bonificación adicional do 15% e os membros de familias numerosas obterán descontos de entre o 20% (categoría normal) e o 50% (familia numerosa especial). Estas bonificacións adicionais serán contabilizadas e procesadas e o sistema realizará unha recarga dous meses despois na tarxeta con tan só introducila no caixeiro automático.
Estes dispositivos están dispoñibles nun total de 24 oficinas distribuidoras de Abanca e poden adquirirse sen necesidade de ter unha conta asociada, só presentado o DNI, e funcionan como tarxetas moedeiro que deberán recargarse nas oficinas ou nos caixeiros.