O venres 4 de setembro poderemos gozar dunha actuación única grazas ao programa Duplo R que une a regueifa e o rap, a tradición galega e a cultura urbana máis actual. Sen dúbida, un espectáculo único que non podes perderte: O venres 4 de setembro a partires das 21:00 horas na terraza de Detrás do Marco.
Duplo R é un programa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo que pretende achegar á mocidade á regueifa, un mundo que lles pode parecer alleo, pero que en realidade ten moitos puntos de unión co rap. Así, poderemos ver en acción as linguas rápidas e mordaces de Luis O Caruncho e Bieito Lobariñas (polas regueifas) e a Duke Sam e DJ Fabio (rap).
Qué é a regueifa? A regueifa é unha cantiga improvisada entre dúas ou máis persoas que seguen un mesmo cantar durante o tempo que dura unha disputa determinada. Cada regueifeiro canta unha estrofa de catro versos nos que riman os pares. Os temas das regueifas son variados, pero sempre cunha boa dose de humor ou retranca, polo que estes cantares son moi divertidos para todos os públicos.
O sábado, Brais das Hortas.
Brais das Hortas chega o sábado 5 de setembro (21:00 horas) a Detrás do Marco co seu espectáculo “De Torneiros a Botswana”.
Será unha contada na que Brais coas súas verbas nos levará a outros sitios: “O mar de Vigo é unha porta ao mundo. Unha entrada e saída de xente. Xente de Camos, da Guarda, de Botswana ou de Chandebrito…E as súas historias”. Coma sempre, haberá tempo para historias de amor, visitas a cemiterios, charlas ao redor dun viño nunha aldea…