«Imos desenvolver e a fomentar o deporte base, a formación», anunciou Caballero sobre a filosofía deste programa. Acompañado na rolda de prensa polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o rexedor tamén se reuniu de representantes dalgunhas das entidades habituais nesta acción, casos do Independiente Club de Fútbol, Club Natación Sincronizada Rías Baixas, Federación Galega de Squash, Vigo 2015 e Unión Balonmán Lavadores.
Agora é o tempo dos clubs «para que as entidades deportivas nos presenten os seus proxectos», dixo o xefe do goberno local. O curso 14/15 concluíu con 27 disciplinas e 44 clubs adscritos ao programa. Agora, e ata o día 26 deste mes, as entidades deben de presentar os seus proxectos para o seguinte exercicio.
«Ofertamos 5.000 prazas e incorporaremos novas entidades», anunciou o alcalde. De feito, o pulo ao deporte formativo é o máis ambicioso da historia polo número de solicitudes de clubs ou sociedades que queren entrar. Así, presentaron ou anunciaron a presentación dos seus proxectos Montañeiros Celtas, Galicia Social, Vigo Rugby, Real Club Náutico de Vigo, Club A Guía, Remo Coruxo, Patinaje Freestyle, Liceo Marítimo de Bouzas e Club de Remo Virxe da Guía.
«Iniciamos unha nova etapa de algo tan importante como é o deporte de base nas escolas deportivas», manifestou Caballero. De feito, o programa estuda a opción de incorporar escalada en bulder, remo, vela, esgrima antiga, rugby e patinaxe en liña. Para todas as escolas, novas e as xa existentes, o Concello, a través do IMD, reserva uns 300.000 euros.
Abel Caballero subliñou que estas escolas permiten ademais unha serie de actuacións colaterais. Así, o IMD mantén de forma complementaria os programas «Educa» e «Gañamos todos», que fomentan a disputa de competicións e eventos non federados dos nenos das escolas e integran tamén aos colexios da cidade, caso da Liga Linco (baloncesto intercolexial).
En canto o IMD dispoña de todos os proxectos quedará deseñada de forma definitiva a oferta 15/16, que apunta á máis importante da historia das escolas municipais, iniciadas en 1969 trala inauguración do complexo das Travesas e que este ano sumarán dezaseis áreas deportivas da cidade ao incorporarse tamén o campo de fútbol da ETEA e o novo campo de fútbol 7 de Navia. O curso 2015/16 comezará en outubro e rematará en maio.