“Contos signados, contos coas mans” é o lema da sesión de contacontos que se celebrará partir das 18:30 horas e na que participarán a profesora da Universidade de Vigo Ana Fernández Soneira, especialista en lingua de signos, e Lucía González, que pertencen ao Grupo de Investigación en Lingua Española e Linguas Signadas (Griles), que leva investigando neste ámbito dende 1997. Canda elas, participarán tamén as signantes Alba Puentes e Ruth Lamas, que tamén forman parte desta iniciativa académica.
As invitadas nesta actividade ofrecerán unha presentación inicial sobre a lingua de signos e explicarán a importancia de incorporar ao sistema educativo o ensino desta lingua para favorecer a integración na sociedade das personas con discapacidade auditiva. Neste sentido, o Griles colabora cos colexios públicos Escultor Acuña de Vigo -centro de referencia na educación de xordos en Vigo- e Reboreda de Redondela, na implantación do Portafolio Europeo das Linguas en Educación Infantil.
Ademais de contar varios contos en lingua de signos, os nenos e nenas que acudan á sesión, coas súas nais e pais, poderán aprender algunhas palabras neste código para comezar a comunicarse coas persoas xordas.